CRTVG

Buscar

Volven mariscar na ría de Noia despois do paro pola toxina

Publicado o 09/03/2020 13:34

O ruxir dos motores volveu inundar esta mañá o peirao do Testal, en Noia. Centos de mariscadores en embarcación e a pé enfundaron de novo os traxes e as botas para volver ao mar despois da parada obrigada de 15 días pola presenza da toxina lipofílica. As análises que a confraría fixo onte á tarde deron negativo, excepto nunha zona que permanece pechada.

A presidenta das mariscadoras a pé de Noia, Marisol Amado, conta que ainda queda unha zona pechada pero confían en que se abra o mércores se as análises do INTECMAR hoxe dan negativo.

Malia que dispoñían de 3 horas de traballo os de embarcación e 4 as de a pé, non precisaron esgotar o tempo para cubrir as cotas. A campaña está na recta final, remata este mes e os topes son máis pequenos: 3 quilos de ameixa e 5 de berberecho para os de a pé e 8 para os que traballan en embarcación. O xusto, como din, para cubrir gastos.

Canto á materia prima, coinciden en que, pola altura da campaña en que estamos, o berberecho xa é de menor calibre e ademais, morreu moito pola auga doce. Das variedades de ameixa, case non hai fina, que é a que máis se cotiza, e a que máis abunda é a xapónica porque é mais resistente.
Con todo, e cando faltan 3 semanas para o peche da campaña, esta vai camiño de superar as marcas de facturación que logrou o ano pasado a confraría de Noia.

Noticias web

09/03/2020