CRTVG

Buscar

Volven condenar a 11 anos de prisión o millonario portugués que intentou matar á muller nun hotel de Vigo

Publicado o 12/03/2020 17:10
Volven condenar a 11 anos de prisión o millonario portugués que intentou matar á muller nun hotel de Vigo

A Audiencia de Pontevedra condenou a once anos e catro meses de cárcere a Carlos Inácio Pinto, o millonario portugués que tentou asasinar a súa esposa en maio de 2016 nun hotel de Vigo golpeándoa reiteradamente cunha maza. O tribunal considera probado que pretendía acabar coa vida da vítima ao atacala "por sorpresa e por detrás" cando estaba "desprevida" no baño do cuarto.

"A súa intención era matala, non simplemente causarlle lesións", subliñan os xuíces na sentenza, na que argumentan que o condenado utilizou un instrumento "capaz de causarlle a morte" ao ter un "peso importante" e que dirixiu o seu ataque, que aseguran que foi "reiterado", a unha zona vital do corpo como é a cabeza. Ademais, os maxistrados indican que se trata dun caso de "aleivosía súbita", pois a vítima non podía defenderse pola relación de confianza que existía co acusado e as circunstancias nas que se produciu o ataque.

O tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a agravante de parentesco e tamén lle impuxo o acusado a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 18 anos, que recibirá ademais unha indemnización de 22.000 euros. Este xuízo tivo que ser repetido despois de ser anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras estimar o recurso do avogado do empresario portugués cuestionando a imparcialidade das maxistradas que o axuizaban.

O acusado alegou entón que as maxistradas ratificaran ata en dúas ocasións a súa situación de prisión provisional. A pesar diso, as declaracións na vista oral foron exactamente as mesmas que no primeiro xuízo e agora a Audiencia de Pontevedra volveu a condenar o sospeitoso á mesma pena de cárcere que no xuízo que foi anulado.