CRTVG

Buscar

Volven aumentar os casos na provincia de Ourense, pero baixan na cidade

Publicado o 16/10/2020 15:22

A comarca do Carballiño é a que máis preocupa ás autoridades sanitarias. Segue aumentando o número de casos: 12 novos positivos nas últimas 24 horas e 165 en catorce días.

Atribúeno, en parte, ao aumento das PCR que fan aflorar os casos asintomáticos: "Todo se foi descontrolando un pouco. Uns intentamos facer o mellor posible, pero outros non teñen esa responsabilidade, ese cargo de conciencia de 'a vostede vouna infectar eu'...". "Ás veces é desesperante. Está todo cerrado, con medo... ven que baixas a máscara un pouco e xa, epa, súbea". "Se non nos sacrificamos non sairemos dela nunca e temos que saír, que somos valentes, especialmente os galegos, que somos moi sacrificados", comentan os veciños.

No Carballiño, como en Boborás e O Irixo, as restricións á mobilidade comezaron a aplicarse o xoves. Percíbese no ambiente das rúas. Hoxe era día de feira, pero suspendeuse. Os negocios acusan unha diminución importante da actividade, pero os comerciantes amósanse comprometidos coas restricións.

Julián Garriga, presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño: "Estamos moi preocupados. Somos conscientes de que hai que tomar todas as medidas que nos esixe Sanidade, pero o comercio estase resentindo moitísimo".

Onde melloran os datos é na cidade, que cumpriu xa unha semana de confinamento perimetral. O pico de contaxios foi hai 5 días, con 572 casos activos. Hoxe hai 534.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: "Confiamos que nos próximos días estas cifras se consoliden. Hai que tomalas con prudencia, porque son pequenos decrementos, pero decrementos ao fin e ao cabo, así que indican que a tendencia é favorable".

Pendentes tamén da presión asistencial. Nas últimas horas subiu a 105 o número de pacientes hospitalizados. Hai 13 na UCI.