CRTVG

Buscar

Volven adiar o xuízo contra Marino Giménez polo roubo dun alixo a uns narcos

Publicado o 02/03/2020 11:09

O xuízo contra a banda liderada por Marino Giménez, irmán do denominado rei dos xitanos de Galicia, Sinaí Giménez, que tentou roubar un alixo de cocaína a uns narcotraficantes coa axuda dun garda civil, sufriu un novo aprazamento.

A razón é a renuncia do avogado de Mariño Giménez e a recente designación dun novo letrado, que solicitou unha marxe de tempo para estudar a causa.

A vista oral celebrarase, se non media un novo aprazamento, a partir do 8 de xuño.

O pasado decembro pospúxose porque o avogado dun dos procesados sufriu un accidente de tráfico. De feito, esta será a repetición do xuízo, que xa se celebrou na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, que ditou unha sentenza condenatoria a penas que ían desde os 4 ata os 7 anos e medio de prisión.

Con todo, o Tribunal Supremo anulou a decisión e ordenou retrotraer as actuacións ao trámite anterior á sinalización da vista oral e que se celebrase un novo xuízo por un tribunal diferente.

O Alto Tribunal considerou que neste caso vulnerouse o principio de imparcialidade, xa que os maxistrados que os xulgaron e sentenciaron xa resolveran recursos durante a fase de instrución, polo que coñecían o caso.

O Supremo sinalou entón que a Sección Quinta da Audiencia de Pontevedra supervisou en apelación oito autos da maxistrada de Instrución e ditou cinco autos.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía son sete os acusados, entre eles o axente do instituto armado, para os que pide penas de prisión de entre catro anos e medio e doce anos, segundo o caso, por senllos delitos contra a saúde pública, integración en grupo criminal e tenza ilícita de armas.

O fiscal, que ademais da pena de cárcere interesa a inhabilitación durante quince anos do garda civil, sinala no seu escrito que en xaneiro de 2014 cinco procesados, que integraban un grupo cunha "clara repartición" de funcións, e no que Mariño Giménez era o xefe, planearon asaltar a uns narcotraficantes e quitarlles medio quilo de cocaína que logo distribuirían pola súa conta.

Para iso, simularon un control da Garda Civil nunha gasolineira de Mos para interceptar os narcotraficantes aos que perseguían para facerse coa substancia estupefaciente.

Alí, o axente imputado procedeu a darlles o alto utilizando un vehículo rotulado da Garda Civil,  uniformado e exhibindo a súa arma regulamentaria.

Estaba acompañado por outro axente, de quen a Fiscalía non ve acreditado que tivese coñecemento da actuación do seu compañeiro.

Nese momento, axentes da Policía Nacional que seguía os pasos dos asaltantes abortaron a operación detiveron os procesados.