CRTVG

Buscar

Volve o tempo invernal, que se manterá durante toda a semana

Publicado o 02/03/2020 13:30

Tras o paso da borrasca Karine esta madrugada, este luns é unha xornada de tempo inseguro. Alternaranse os momentos tranquilos con outros de precipitacións, á espera do seguinte temporal que se anuncia para esta noite. 

Xoán Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia: "Cando chove pode facelo, aínda con certa intensidade, e estas precipitacións poden vir acompañadas de sarabia e de neve en cotas por riba dos 800 metros. De feito, o aviso que temos en terra para as próximas horas é por acumulación de neve de cinco centímetros por riba dos 1.000 metros". 

A vindeira madrugada espéranse refachos de vento que superarán os cen quilómetros por hora e chuvias persistentes e de intensidade moderada. E o resto da semana a situación será bastante invernal.  

Xoán Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia: "A partir do mércores, vento do oeste, inestabilidade, ceo cuberto e chuvia. Esa vai ser a tónica ata a fin de semana e logo vai haber unha ruptura e o sábado entraría un anticiclón".

O que resultou atípico foi o mes de febreiro, con temperaturas suaves e tempo seco, semellante ao do ano pasado.  

Xoán Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia: "Tivemos un mes de febreiro caracterizado pola escaseza de chuvias. En ningún punto de Galicia se recolleron cantidades normais para o mes de febreiro. En canto ás temperaturas, vai ser un mes máis cálido. Temos que facer o balance concreto, pero seguramente resultará dos máis cálidos das últimas décadas".

Noticias web

02/03/2020