CRTVG

Buscar

Volve caer a cifra de mortos en España: 605 falecementos, a máis baixa desde o 24 de marzo

Publicado o 10/04/2020 11:35

Os falecementos diarios en España a causa do coronavirus continúan descendendo. Foron en total 605 nas últimas 24 horas, para un total de 15.843.

Eses 605 mortos a causa da COVID-19 supoñen a cifra máis baixa desde o 24 de marzo.

Tamén descenderon nas últimas 24 horas os novos casos. Foron 4.576, para un total de 157.022.

As persoas que xa recibiron a alta son 55.668, unha de cada tres das que foron diagnosticadas coa enfermidade. Nas últimas 24 horas déronse 3.503 altas.

Desta forma, aínda que España segue sendo o segundo país do mundo en número de contaxios, por detrás de Estados Unidos, o avance do coronavirus tocou o seu menor incremento de positivos, que aumentaron un 3 % nas últimas 24 horas, por detrás do alcanzado o pasado luns 6, que foi do 3,2 %.

Tamén minorou a subida de falecidos, ata chegar ao seu mínimo incremento ata hoxe, que é do 3,97 % respecto a onte; en números absolutos, non se vía unha cifra máis baixa desde o 24 de marzo, cando faleceron 514 persoas.

As altas, pola súa banda, minoraron un punto e medio nunha xornada, ao pasar do 8,42 % do cómputo de onte ao 6,9 %. Con todo, os curados representan xa o 35,45 % dos casos.

Madrid segue sendo a comunidade con máis contaxios con 44.783 persoas, pero, ademais, faleceron 5.972 e 22.414 curaron. A segunda comunidade máis afectada pola pandemia continúa sendo Cataluña, onde este xoves son 31.824 os casos confirmados, 3.231 os mortos e 13.513 as persoas curadas.

Castela-A Mancha ocupa o terceiro lugar con 13.063 contaxiados, 1.431 falecidos e 1.982 persoas que lograron curar; mentres que en Castela e León son 11.102 os casos confirmados, 1.129 os mortos e 3.506 os curados.

A quinta comunidade en número de contaxios é Euskadi, con 10.103, ademais faleceron 729 persoas e 4.680 persoas conseguiron curar.

Os mellores datos dende o 24 de marzo

Son os datos menos malos desde o 24 de marzo pero hai que tomalos con cautela por tratarse dun dia festivo. A doutora Sierra, do comité técnico, destaca con todo esta evolución positiva
"O incremento dos casos é do 3%, asegura María José Sierra, e podemos decir que continuamos coa tendencia descendente que xa vimos observando"

Seis comunidades rexistran xa mais altas que contaxios, porén para Castela-A Mancha esta foi unha xornada negra.Superou por primeira vez os cen mortos nun só dia. Case un de cada cinco novos falecementos en España rexistrouse nesa comunidade.
Os expertos consideran que a reincorporación a actividade laboral dos traballadores non esenciais, a partir do luns, non vai contribuir a un aumento de contaxios.

"Seguimos vixiantes, monitorizamos cada día o que pasa pero non temos a sensación de que estas medidas vaian aumentar os contaxios, senon non o faríamos", dí a doutora Sierra.


Mais de 55.000 persoas, o 35% dos casos notificados, conseguiron xa superar a enfermidade.