CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra unha funcionaria do Sergas que entrou no historial da filla

Publicado o 18/12/2020 15:04

Hoxe quedou visto para sentenza o xuízo contra unha funcionaria do Sergas acusada de entrar 68 veces no historial clínico da súa filla. Era a segunda vez que se celebraba esta vista.

Nesta segunda ocasión, a funcionaria recoñeceu que consultara o historial da súa filla, co seu permiso verbal, para coñecer resultados de probas e pautas de medicación, dado que marchara vivir ás Canarias e mentres non tiña médico na súa nova residencia.

Pero a denunciante negou tal consentimento e afirmou que a relación coa súa nai fora mala desde a infancia e inexistente na época á que se remontan os feitos, entre os anos 2012 e 2014.

O xuízo quedou visto para sentenza logo desta repetición na sección quinta da Audiencia de Pontevedra.

A defensa volveu pedir a absolución porque considera que a filla actúa por cartos e manipulada por unha terceira persoa.

A fiscalía, que pide 4 anos de prisión e 9 de inhabilitación, conclúe que as dúas versións son contraditorias, pero outorga credibilidade ao relato da denunciante pola súa persistencia, xa que antes de emprender a vía penal intentou a administrativa, e porque entende que os informes forenses corroboran os conflitos familiares.

A acusación particular solicita, ademais, unha indemnización para a filla de 15.000 euros.

 

Noticias web

18/12/2020