CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra un home acusado dun atropelo intencionado en Outes

Publicado o 17/06/2019 20:14

Quedou visto para sentenza o xuízo contra un home acusado de intentar atropelar outro de xeito intencionado. A Fiscalía pide oito anos de cadea e o acusado declara que se quedou adormecido.

O home está acusado de intentar matar outro atropelándoo cando conducía polo lugar de San Cosme, en Outes. Segundo a fiscalía, cando observou a presenza da vítima, co ánimo de atentar coa súa vida, dirixiu o vehículo cara a el, acadándoo. Despois abandonou o lugar e os veciños foron quen atenderon o atropelado.

Porén, na vista oral o investigado declarouse inocente. Dixo que conducía adormecido e que ía moi amodo, a vinte quilómetros por hora. Engadiu que todo aconteceu moi rápido, que era noite, e que xa viu directamente o peón enriba do coche e que daquela intentou frear para evitar a situación de perigo. Si recoñeceu que despois abandonou o lugar, pero que foi para ir ao cuartel da Garda Civil de Muros para contar que tivera un accidente e que se quería entregar.

Os axentes que acudiron ao mesmo lugar dos feitos declararon esta mañá que, unha vez elaborados os informes, chegaron á conclusión de que se trataba de algo máis que un accidente, viron intencionalidade e non desbotaron a posibilidade de que fose un atropelo doloso.

Pola súa banda, a vítima, que no momento en que foi atropelado mantiña unha relación sentimental coa ex-muller do acusado, contou que pouco lembraba do acontecido. Só que víu as luces dun vehículo que de súpeto foi contra el. Despois, dixo, espertou no hospital. Porén, engadiu que o procesado, con anterioridade aos feitos, ameazouno de morte en varias ocacións, malia que ambos os dous non se coñecían persoalmente. Unha afirmación que negou o acusado.

Agora enfróntase a unha pena de oito anos de cadea e ao pagamento dunha indemnización de algo máis de 24.500 euros.

A defensa pide para el a libre absolución. Di que circulando a unha velocidade de 20 quilómetros por hora e que a posibilidade de causarlle a morte é dun 4 por cento. No caso de ser condenado, entende que se lle deben aplicar as atenuantes de confesión, reparación do dano, porque xa lle abonou a vítima case 9.000 euros, e a de dilacións indebidas.

O xuízo xa quedou visto para sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019