CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo contra o acusado de violar unha menor en Noia

Publicado o 30/05/2019 15:09

Este mediodía quedou visto para sentenza na Audiencia Provincial da Coruña o xuízo contra un home acusado de violar unha rapaza, menor de idade, durante unhas festas en Noia. Enfróntanse a máis de 13 anos de prisión.

Custodiado pola Policía Nacional, compareceu en segunda sesión na Audiencia Provincial da Coruña o home acusado de violar a unha menor de idade durante unhas festas en Noia, en agosto de 2017. Hoxe foi a quenda dos peritos, que confirmaron que na braga da rapaza había restos biolóxicos do acusado: "Realizamos a extracción de ADN e obtemos que se trata dun home. O perfil xenético coincide co de Ricardo".

Citado pola defensa, compareceu o psiquiatra que valorou o acusado na prisión, onde leva encerrado desde o momento dos feitos. Dixo que aquela noite inxerira arredor de 650 mililitros de vodka e máis dun litro e medio de bebida enerxética e asegurou que iso pode explicar que non lembre o que pasou aquela noite: "Faltan cachos do supostamente recordado porque non foi gravado".

A defensa pide a libre absolución; a Fiscalía, trece anos e medio de prisión e a acusación particular, un ano máis. Introduce como agravante as circunstancias do delito, por levar a rapaza, aínda hoxe menor de idade, a un lugar escuro e apartado.

Noticias web

30/05/2019