CRTVG

Buscar

Visto para sentenza o xuízo a un home de Chantada por presuntos abusos aos fillos

Publicado o 02/07/2020 13:10

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu a segunda e derradeira xornada do xuízo por abusos sexuais aos seus fillos por parte dun veciño de Chantada, ao que tamén se acusa de maltrato habitual ao seu primoxénito.

Tras as declaracións das vítimas e dos proxenitores, chegou a quenda das psicólogas que elaboraron o informe pericial do caso, que aseguraron non apreciar indicios de abusos nos menores.

Malia todo, nas conclusións finais o fiscal reafirmouse na súa petición de 9 anos e 9 meses de cadea para o acusado. Pola súa parte, a defensa pediu a libre absolución.

"Entendemos que os feitos relatados polo escrito do ministerio fiscal non teñen correspondencia coa realidade", di Fernando Lamela, avogado da defensa. "Tal como se expuxeron os feitos na primeira sesión do xuízo oral, non ocorreron. Non hai indicio que permita afirmar a existencia dun delito de maltrato no ámbito familiar nin dun delito de abusos sexuais, polo que entendemos que os feitos relatados non ocorreron en ningún caso", engadiu.

O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

02/07/2020