CRTVG

Buscar

Vigo aproba o maior orzamento da súa historia con voto en contra da oposición

Publicado o 23/12/2019 11:21
Vigo aproba o maior orzamento da súa historia con voto en contra da oposición

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, co voto en contra de todos os grupos da oposición, os orzamentos para o exercicio 2020, que ascenden a 267,7 millóns de euros, os de maior contía de toda a historia da cidade.

Trátase, segundo o responsable de Facenda do Concello de Vigo, Jaime Aneiros, duns "orzamentos sociais, emprendedores e dinámicos que non hipotecan as próximas xeracións".

Ademais, engadiu, permiten "facer de Vigo unha cidade solidaria, emprendedora, dinámica, moderna, atractiva e que xera emprego", polo que a converten nunha "das mellores cidades de Galicia e España".

Os orzamentos aprobados este luns son os décimo terceiros consecutivos do goberno do alcalde Abel Caballero, o que, segundo o portavoz socialista, Carlos Font, "son unha garantía de estabilidade".

"Algúns cegos non queren ver o avance da cidade e o que se está facendo", engadiu Aneiros tras adiantar cada un dos grupos da oposición que ían votar en contra.

Para o Partido Popular, os maiores orzamentos aprobados grazas á maioría absoluta do PSOE son fillos dunha presión fiscal desmedida, ademais de "inxusta, innecesaria e oculta" que non se traduce nas actuacións que necesita a cidade, xa que nos últimos anos executouse o 80 por cento dos orzamentos.

Segundo o portavoz municipal, Alfonso Marnotes, "os tributos municipais soben seis veces máis que o IPC", unha subida do 2,25 por cento, xusto cando diminúen as previsións de crecemento económico e só para, cando acabe o exercicio, "deixar 30 millóns na caixa".

Desde que goberna Caballero, criticou Marnotes, hai "150 millóns de desviación entre o recadado e o executado", e os orzamentos de 2020 son "insolidarios, inxustos, con moito gasto corrente e pouco investimento".

Tamén votou en contra Marea de Vigo, que como o resto de grupos lamentou a falta de execución dos orzamentos de 2019 e o incremento da presión fiscal despois de que o Goberno local conxelara os impostos neste exercicio que termina, ano electoral.

Marea de Vigo, ademais, critica que en Vigo, en contra do que sucede nas grandes cidades de Europa, onde se remunicipalizan as grandes concesións, se avance no sentido contrario, aumentando, ademais, partidas para concesións que non melloran os servizos públicos.

Como Marea de Vigo, o BNG criticou que a cidadanía non poida participar na elaboración dos orzamentos, e criticou ademais "a falta de sentido da prioridade" do Goberno de Caballero, que dedica máis diñeiro ás luces de Nadal que, por exemplo, ás políticas de emprego.

Os orzamentos de 2020, que supoñen un incremento de dez millóns de euros respecto aos de 2019, foron aprobados por vinte votos a favor e cinco en contra.