CRTVG

Buscar

Feijóo: "Sen o paquete de interrompibilidade, o Goberno sentencia a Alcoa"

Publicado o 17/06/2020 15:11

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este mércores ao Goberno de que se non pon en marcha unha nova poxa de prezo eléctrico cun paquete de interrompibilidade para aplicar a partir do próximo 1 de xullo, sentenciará definitivamente a planta de Alcoa en Lugo.

Núñez Feijóo replicou deste xeito en Santiago cando lle preguntaron polo anuncio da multinacional estadounidense, que nesta xornada avanzou a súa intención de seguir co proceso de despedimentos para máis de 500 empregados.

O presidente galego revelou que este mesmo mércores enviará unha carta "moi seria" á vicepresidenta cuarta do Goberno, Teresa Ribeira, e á ministra de Industria, Reyes Maroto, "con copia ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez".

Na misiva, Núñez Feijóo advirte de que faltan quince días para o segundo semestre do ano e aínda non se puxo en marcha un novo paquete de interrumpibilidade, polo que urxe a súa activación "de forma inmediata".

"Se o Goberno segue sen (activar) o paquete de interrumpibilidade é evidente que sentencia definitivamente a Alcoa", aegurou Núñez Feijóo, que incidiu en que as autoridades comunitarias permiten ao Executivo usar ata 275 millóns de euros provenientes das emisións de CO2 para esta poxa.

O presidente galego animou o Goberno a que diga, en caso de que non active a poxa, que a súa decisión política é que España perda a súa capacidade para producir aluminio primario, xa que a de Lugo é á única fábrica.

Respecto a as palabras da ministra de Industria, Reyes Maroto, nos últimos días, sobre a falta de investimentos da empresa, Núñez Feijóo replicou que se a multinacional "non ten xestos concretos sobre o prezo enerxético", entón estáselle poñendo "moi fácil" a decisión de continuar co despedimentos. "E hai que poñerllo difícil", proclamou.

Neste sentido lembrou que onte mesmo a Xunta expuxo a posibilidade de usar unha parte dos fondos europeos para a reconstrución pola covid-19 para modernizar a planta de Alcoa en Lugo, á que tamén contribuiría o propio Goberno galego cun "préstamo participativo".

"O Goberno dixo que polo prezo enerxético a empresa non tería problemas, que tiña que investir. Nós axudaremos a Alcoa, ou outro comprador, a modernizar a planta; se o Goberno cumpre o seu compromiso nós cumpriremos o noso", concluíu.

 

Noticias web

17/06/2020