CRTVG

Buscar

O acceso ás probas complica o rexistro oficial de mortos por coronavirus, que varía en función das comunidades

Publicado o 08/04/2020 09:10

O Ministerio de Sanidade defende o método que segue para dar a cifra de vítimas mortais despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Castela-A Mancha alertara de que o número de falecidos podería ser máis do dobre do que din os datos oficiais. Sobre este posible desfasamento, o Goberno insiste en que son os executivos autonómicos os que recollen os datos.

Para o reconto oficial das vítimas mortais séguese o protocolo dado polo Ministerio de Sanidade, que lles pediu ás comunidades autónomas que comuniquen as súas cifras de falecidos confirmados por COVID-19. Por tanto, na estatística oficial só aparecen os casos en que a infección se confirmou mediante proba diagnóstica.

Así, por exemplo, os falecidos en residencias de maiores que algunhas comunidades autónomas contaron como casos sospeitosos, en realidade non se contabilizaron no reconto oficial por non estaren confirmados mediante test PCR. 

O Ministerio de Sanidade defende este método para dar a cifra de vítimas mortais, que só conta os que foron testados. O ministro Illa aseguraba nas últimas horas que España ten unha definición de caso clara.

O Tribunal Superior de Xustiza de Castela-A Mancha informaba nos últimos días que se expediron máis de 1.900 licenzas de enterros por morte sospeitosa de coronavirus, mentres as cifras oficiais falan de 774 falecidos. En resposta a esta información, o Goberno cre que debe ser o presidente da comunidade quen o aclare porque son os executivos autonómicos os que recollen os datos.

No Ministerio de Xustiza aseguran que traballan para reunir os datos sobre defuncións causadas pola pandemia que se inscriben en todos os rexistros civís de España, tal e como lles ordenou a Dirección Xeral de Seguridade Xurídica. Pero explican que a moitos rexistros lles custou estas semanas ter a información actualizada e ao día por estaren desbordados: houbo atrasos, problemas telemáticos e tamén porque a demanda de licenzas de enterramento aumentou como consecuencia da crise sanitaria.

Noticias web

08/04/2020