CRTVG

Buscar

Viana do Bolo recupera o foxo do lobo, unha trampa que data da Idade Media

Publicado o 28/10/2019 21:36

Dende a Idade Media ata principios do século dezanove, organizábanse multitudinarias batidas para cazar o lobo. Nelas estaban obrigados a participar todos os veciños. Perseguían o animal a través dos montes ata facelo chegar a foxos coma este. Unha vez dentro, non o mataban, senón que era atado, amordazado e exhibido como trofeo nas aldeas da contorna.

En todo o mundo só hai rexistradas tres trampas de cruz para cazar o lobo: unha está en Bande, a outra na Veiga de Pedrafita, baixo o encoro de Cenza, e a terceira é esta do concello de Viana do Bolo. Din que é única pola súa monumentalidade e pola paisaxe que a rodea.

"Un atractivo máis para ver e coñecer a nosa historia e sobre todo ese patrimonio rural que moitas veces queda esquecido e oculto, e que desaparece o desaparecer esa Galicia baleirada que falan ás veces tamén", di o alcalde de Viana do Bolo.

Porque historia ten moita, tanta que os primeiros documentos das casas monásticas ou os señores feudais, que eran quen encargaban estes foxos, datan do século sete.

"Había unha posta en marcha da batida onde o señor feudal nomeaba un monteiro maior, que era o encargado de nombrar nas distintas pedanías o máis experimentado. Logo as voces colocábaas nos outeiros, para que foran guiando a batida, entraban os buscas, os rebuscas. Tiña toda unha linguaxe, unha parafernalia, que unida á monumentalidade da trampa, a cantería en seco que agora é Patrimonio da Humanidade, dálle un valor engadido moi importante", asegura o arqueólogo encargado da restauración.

Conta a lenda que algúns foxos se construían en cruz para atopar máis facilmente o lobo da xente, un lobishome, un ser demoníaco que se agochaba na serra e se alimentaba de cativos. Pero esa, xa é outra historia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/10/2019