CRTVG

Buscar

A protesta polo peche da sala de partos de Verín trasládase ao Parlamento

Publicado o 17/12/2019 13:46

Máis de 500 persoas reivindicaron este martes fronte ao Parlamento galego, cando se celebraba unha sesión plenaria, a reapertura da sala de partos de Verín e das urxencias pediátricas no hospital comarcal.  

Minutos antes das 12,00 horas deste martes os concentrados iniciaron a protesta fronte á entrada do Parlamento, o que levou a cortar o carril de subida da rúa do Hórreo por parte da Policía Local e media ducia de axentes da Policía Nacional colocouse fronte aos concentrados e na entrada do Pazo do Hórreo.  

Os concentrados, baixo lemas como "Verín non se pecha", "En defensa dos servizos públicos" e "Non aos recortes nos nosos dereitos", berraron consignas como "Feijóo, escoita, Verín está en loita", "Xerente dimisión", "Mans arriba, isto é un atraco" e "Conselleiro dimisión".  

En declaracións a Europa Press, a enfermeira Rosana Mérida, membro da comisión delegada de Verín, explicou que acudiron a concentrarse fronte ao Parlamento para que Feijóo os escoite "ben". "Hai que abrir a sala de partos de Verín e as urxencias pediátricas", demandou.  

"O hospital comarcal fai un labor moi importante para a poboación da comarca, necesitamos que poña os medios necesarios para atender en condicións a toda a poboación", defendeu esta portavoz do colectivo convocante da protesta.  

Os traballadores do hospital de Verín que permenacen encerrados para reclamar que se manteña aberta a sala de partos advertiron de que seguirán con esta medida "mentres non dean unha solución". "Se non nos botan", apostilaron. "Que nos dean unha solución pronto, as mulleres temos dereito a parir onde queiramos, con garantías", reivindicou esta portavoz, que reclamou una "unha sanidade pública e de calidade". Con todo, asegurou que seguirán en Nadal se non lles dan unha solución antes.  

Por parte da plataforma de veciños da comarca de Monterrei destacaron que a supresión deses servizos sanitarios "supón un abandono total da comarca que non se pode consentir". Por iso, aseguraron que van continuar "ata que se reverta a situación" e non descartan "emprender outro tipo de medidas segundo vaian avanzado os acontecementos". "Seguiremos ata que os servizos estean abertos e funcionando", avisaron.  

Os concentrados estiveron apoiados por colectivos como Enfermeiras Eventuais en Loita e por deputados e membros de forzas políticas como o PSdeG, BNG, Común da Esquerda e Ciudadanos.