CRTVG

Buscar

Veciños dun barrio lugués denuncian a volta da prostitución tras o confinamento

Publicado o 08/06/2020 16:08

En Lugo, na zona de Acea de Olga, os veciños denuncian a volta da prostitución unha vez rematado o confinamento. Pero as súas críticas non van dirixidas ás mulleres que a exercen, senón aos proxenetas que as explotan sexualmente e aos que contratan os seus servizos.

Coa volta á normalidade, regresan tamén actividades polémicas e controvertidas como a prostitución. Os veciños dun edificio do barrio lugués de Acea de Olga denuncian que nun dos baixos podería haber mulleres prostituíndose.

Para acabar coas visitas dos clientes, para poñer fin a unha situación coa que non están de acordo e pola propia protección das mulleres que se prostitúen, piden que se poña fin a este estado de cousas.

Din que levan dous anos aturando a presenza de prostitutas, os seus clientes e un presunto proxeneta nun dos baixos.

Durante o confinamento cesou toda actividade, pero agora din que xa detectaron movementos que apuntan a un reinicio da prostitución. Aseguran que non teñen nada en contra das mulleres, pero queren acabar coas visitas dos seus clientes e, sobre todo, do proxeneta. Por iso encheron as fachadas con carteis que agardan que sirvan como medida de disuasión.

"Levamos dous anos con isto. Co confinamento parouse e tentamos que non volvan, porque é algo moi incómodo para o edificio e eticamente inaceptable".

Se ben ata o de agora non houbo altercados nin problemas de convivencia, os veciños do edificio din que a situación é moi incómoda para eles.

Tamén sinalan que a entrada e saída de homes que non viven alí pode ser un foco de contaxio do coronavirus, xa que non hai ningún tipo de medida de seguridade sanitaria. Tamén recoñecen que teñen poucas posibilidades de acabar coa situación a través da xustiza.

"En principio o piso está arrendado legalmente por unha persoa. Pero el mete mulleres aí e realizan unha actividade como a prostitución. Causa molestias a entrada continua de homes aí".

O edificio atópase nunha zona residencial e, segundo os veciños, non é o único inmoble onde se practica a prostitución.

 

Noticias web

08/06/2020