CRTVG

Buscar

Veciños de Oleiros piden máis seguridade viaria nunha recta próxima a un centro escolar

Publicado o 17/05/2019 13:07

Os veciños de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros, piden que se reforce a seguridade viaria nas proximidades do Instituto María Casares. Esta semana producíase un novo atropelo diante deste centro educativo, unha zona considerada como un punto negro na estrada comarcal AC-173.

Límites de velocidade a 50 quilómetros hora e sinais que advirten aos condutores dos pasos de peóns e das proximidades dun centro escolar. Malia todo, esta recta do estrada AC-173 entre Bastiagueiro e Santa Cruz segue sendo un dos puntos negros da contorna da Coruña.

"Éunha zona onde hai moitos nenos e os coches pasan a toda velocidade".
"Antes había un paso elevado máis abaixo, pero tivérona que sacar porque estaba en mal estado. Esto a verdade é que está perigoso"

O último dos accidentes sucedía esta mesma semana. Unha muller quedou ferida leve tras ser atropelada cando atravesaba por este paso de peóns situado diante do Instituto María Casares.

"Todos coñecemos alguén que tivera algún susto aquí."
 "É complicado porque os coches pasan moi rápido e os peóns ás veces tamén cruzamos por onde non debemos."

Os veciños piden que se reforce a seguridade. Din que se debería mellorar a iluminación na zona. Tamén apuntan que as árbores supoñen unha barreira visiual para os condutores. Con todo, o principal problema, din, é o exceso de velocidade.

"Deberían poñer uns semáforos. Ralentizarían o tráfico, pero sería máis seguro"
"Terían que poñer algunha ponte máis. Dan máis seguridadade da que dá un paso"

Os axentes da Policía Local controlan a seguridade no vial coincidindo coas entradas e saídas ao centro escolar. E insisten en que tanto condutores coma peóns deben respectar en todo momento os numerosos sinais que advirten da perigosidade da zona.
 

Noticias web

17/05/2019