CRTVG

Buscar

Veciños de Begonte protestan porque os camións de máis de 10 toneladas poden circular por unha ponte de máis de 200 anos

Publicado o 22/07/2020 13:55

Dende hai uns días, os vehículos de máis de dez toneladas como camións ou tractores grandes ou con remolque non poden circular por esta ponte construída hai douscentos anos. Os veciños das oito parrroquias que a utilizan protestaron hoxe contra a medida porque din que supón un golpe para os negocios e explotacións da zona e tamén para as sacas de madeira. Camións de leite ou pienso, autobuses e cargadores forestais xa non poden pasar nin tampouco os veciños coa súa maquinaria agrícola e terán que dar rodeos de ata dez quilómetros.

"Son oito parroquias que nos servimos desta ponte para todo. Falo do leite, do transporte escolar, dos camións de madeira. De todo."

"Hai xente que ten a casa dese lado e as leiras deste. Teñen que pasar cos xurros e as forraxes por aquí pero hoxe case todos os tractores pasan das dez toneladas. Se teñen que dar rodeos de quince e vinte quilómetros de ida e volta, a ver como fan."

Os veciños non se opoñen a que se restrinxa o tráfico pesado na zona e mesmo apostan por facela peonil para que se poida pasear e pescar por ela. Pero esixen que antes diso se constrúa outra a poucos metros para que poidan seguir desfrutando do servizo que dá a actual. Aseguran que esta é unha zona de moito tránsito xa que conecta as parroquias con Lugo e con distintos concellos da Terra Chá.

"Os veciños non nos opoñemos a que se faga peonil. Incluso queremos que se faga. Pero que nos fagan aquí outra ponte porque non é tan difícil."

"Os técnicos saberán o que se pode facer, pero isto non é o centro de Madrid así que non parece tan difícil facer aquí unha ponte sexa nun ou noutro lado."

Tamén hai queixas porque, afirman, a ponte está sempre chea de maleza que fai presas e que aínda que se limpou hai poucos días, o habitual e que a base estea cuberta de toros e maleza.

Noticias web

22/07/2020