CRTVG

Buscar

Vaga de roubos nas instalacións portuarias de Ribeira

Publicado o 04/12/2019 13:09

Por mar e por terra, os ladróns estanse cebando coa zona portuaria de Ribeira. Despois de varios roubos nos vehículos estacionados na zona, pasaron a entrar nas embarcacións e nas últimas semanas levan mesmo maquinaria e outros útiles das chabolas dos mariñeiros. José Antonio Pérez, patrón maior da Confraría de Ribeira, di que "as semanas pasadas roubaron en tres barcos da sardiña, leváronlles todos os envases, despois nas embarcacións tamén roubaron combustible, baterías... déronlle un repaso a toda a frota, e agora xa pasaron ás chabolas onde se gardan os utensilios; é insostible, insoportable".

Os roubos superan, nalgúns casos, os 3.000 euros e teñen fartos os usuarios, que denuncian a falta de vixilancia no maior porto pesqueiro de baixura de Europa. "Este porto está aberto a todo o mundo, non é como o de Vigo ou o da Coruña, que están vixilados e onde todo o mundo deixa a súa empresa tranquilamente", explica Pérez, que engade: "Aquí non podemos, de noite non hai ninguén, e o que temos que facer é meter vixilancia de noite, non é o mesmo que estea baleiro que aínda que só sexa haxa dous vixilantes nun coche percorrendo o peirao dun lado para outro; sempre intimida máis".

Por iso piden unha xuntanza con responsables da Xunta, de Portos de Galicia, do Concello e das Forzas de Seguridade para atallar esta vaga de roubos.

Na zona comercial da cidade levan tamén unha temporada con roubos aos distintos negocios: froiterías, tendas de teléfonos móbiles, de roupa... etc. Algúns comercios víronse abocados a multiplicar o gasto en seguridade tras sufrir roubos repetidamente.

Neste caso, como no do porto, piden máis vixilancia. "Estamos fartos da situación", láiase o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez. "Sabemos quen son, sabemos que a Policía Nacional fai o seu traballo, pero tamén nos transmiten que non teñen persoal, só teñen unha patrulla, e unha única patrulla para un concello como o de Ribeira, con 28.000 habitantes, nove parroquias e 83 localidades... non dan feito".

A Asociación de Empresarios remitiu un escrito á Delegación do Goberno en demanda de máis efectivos.

Noticias web

04/12/2019