CRTVG

Buscar

Unións Agrarias pide a colaboración dos cazadores contra os xabarís

Publicado o 21/02/2019 16:48

Dende o sindicato quéixanse de que na comarca de Lemos hai cazadores que se opoñen ás batidas extraordinarias do xabaril alegando que os animais están en época de cría. Piden a súa colaboración e ameazan con reclamarlles danos aos tecores se os cazadores non saen. Estiman que cada ano causan danos nos cultivos por valor de máis de 14 millóns de euros, ao que hai que sumar unha media de dous accidentes de tráfico ao día. Pola súa banda, eles sinalan que son os primeiros que apoian os gandeiros e din que os casos de cazadores que non queren saír son moi puntuais e que están no seu dereito. Lamentan ser sempre o obxectivo de todas as críticas, tanto dos gandeiros coma dos animalistas. 

Estímase que cada ano se cazan en Galicia uns 17.000 xabarís, pero dende o sindicato Unións Agrarias din que non é suficiente para controlar as súas poboacións. Din que se precisan batidas extraordinarias e denuncian que na comarca de Lemos hai tecores que amosaron reticencias a participar nelas.

Os cazadores din que son os primeiros dispostos a colaborar cos agricultores, pero sinalan que, se hai casos puntuais de persoas que non están de acordo con cazar en época de cría, tamén hai que respectalos.

Os cazadores sinalan que o que aumentou moito foi a poboación de lobos, e que son eles os que provocan que os xabarís se acheguen cada vez máis a zonas de cultivo e mesmo zonas habitadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019