CRTVG

Buscar

Unións Agrarias daralle credibilidade ao plan lácteo se a Xunta o dota de orzamento

Publicado o 19/11/2020 12:21
Unións Agrarias daralle credibilidade ao plan lácteo se a Xunta o dota de orzamento

O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, entende que o plan estratéxico para o sector lácteo galego, que acaba de presentar a Xunta de Galicia, terá "credibilidade" se as medidas que recolle van acompañadas das "ferramentas orzamentarias" necesarias para levalas a cabo.

"O importante é o que sucederá mañá cos orzamentos. Ese plan terá credibilidade se vai acompañado das correspondentes ferramentas orzamentarias. A simple declaración de que queremos que se transforme o 75 % do leite producido en Galicia só será posible se hai orzamento", dixo García en declaracións a EFE.

De feito, o portavoz sindical afirma que "se se aplican as medidas de sempre, obteranse os resultados de sempre".

Roberto García lamenta, en todo caso, "a falta de respecto ás organizacións e entidades que participaron" na "elaboración" dese plan, porque "despois dun ano de traballo", a Consellería do Medio Rural chegou "a unhas conclusións" que nin sequera "coñecen".

"Axudamos a definir os problemas, pero non participamos nas propostas para solucionalos. Non é un documento consensuado e non achega ningunha medida nova", engade.

García tamén lamenta que Galicia siga tendo "os prezos máis baixos" do leite "de toda a Unión Europea e de toda España" e de que por parte da Administración "non se valore ese problema" e se trate "de forma nesgada".

Nese sentido, cre que centrarse unicamente na facturación do sector non permite comprobar que "as explotacións facturaron máis, porque produciron máis", pero a menor prezo.

"Factúrase máis, porque se produce máis, pero a rendibilidade é menor", concluíu, porque "hai que vender moitos máis litros de leite para gañar o mesmo".