CRTVG

Buscar

Unha vintena de restaurantes de Lugo pechan antes a cociña para facilitar a conciliación

Publicado o 17/06/2019 20:40

Reábrese o debate sobre a racionalización dos horarios laborais, neste caso nun dos sectores máis complicados, o da hostalería. Os responsables dunha vintena de restaurantes decidiron que pecharán as cociñas media hora antes do que fan agora: ás tres e media ao mediodía, e ás once e media pola noite. Ademais, á unha e media da madrugada non poderán quedar clientes no local. Os implicados xa lle trasladaron este acordo á asociación provincial de hostalería, coa intención de que se sumen máis establacementos. E chefs de toda Galicia ven con bos ollos esta iniciativa pioneira en Galicia para favorecer uns horarios racionais no sector da hostalería. 

Unha vintena de restaurantes de Lugo acolléronse a unha proposta pioneira en Galicia para a conciliación entre a vida laboral e a persoal. Decidiron adiantar media hora o peche da cociña nas dúas quendas, de maneira que pecharán ás tres e media ao mediodía e ás once e media pola noite.

Santi Almuíña leva xa dúas décadas pechando a cociña ás tres e media da tarde no seu restaurante de Nadela. Segundo sinala, adiantar os horarios beneficia a todos.

Santi Almuíña, cociñeiro: "Os traballadores están máis contentos e esa felicidade do traballador transmítese tamén ao comensal. Se imos comer a algún sitio é normal que haxa caras longas despois de xornadas longuísimas de traballo".

Os restaurantes que se acolleron a este novo horario obrigarán os comensais a abandonar o local á unha e media da mañá.

Noticias web

17/06/2019