CRTVG

Buscar

Unha rede galega de voluntarios trata de paliar a soidade dos nosos maiores

Publicado o 28/09/2020 08:51

ASDEGAL é unha rede de voluntarios galega que leva once anos ofrecendo axuda asistencial a distintos colectivos, en especial a persoas maiores co obxectivo de paliar a súa soidade, un problema agravado coa pandemia, sobre todo durante o confinamento.

"O que máis encontramos foi soidade. Soidade, medo, inseguridade", explica Tereta Berbel, coordinadora de Asdegal. 

Atenden anciáns que están sos na casa e tamén os que viven en residencias, agora igualmente moi illados a causa do virus. A situación obrigounos a limitar os contactos a maior parte das veces ao teléfono, e o mes que vén emprenderán unha campaña para cartearse con algún avó.

"Apadriñaremos un voluntario cunha persoa maior e empezarán a cartearse. Tamén é un modo de activalos para que poidan volver escribir cartas, as cartas que xa case non existen".

Pode apuntarse todo aquel que queira compartir un pouco do seu tempo. É un labor que non ten idade.

"Temos voluntarios desde os dezaseis anos, con permiso de pais, ata os 80. O noso marco de voluntariado é incrible porque todo o mundo pode ter un pouquiño de tempo para facer algo".

Tereta dinos que este voluntariado é agora máis necesario ca nunca e pensa que a situación reactivou a cooperación.

"Inscribíronse como 40 persoas neste último mes, que aínda hai un pouquiño de medo. Creo que temos máis esa sensibilidade de querer colaborar, de querer participar, de querer botar unha man despois do que vimos que nos caera enriba".

Os que queiran apuntarse como voluntarios poden informase na páxina web ou nas redes sociais de ASDEGAL ou chamar ao teléfono 629 760 176. Os maiores que busquen a compaña que ofrece esta ONG poden contactar tamén no mesmo teléfono ou preguntando nos seus centros cívicos e concellos.

Noticias web

28/09/2020