CRTVG

Buscar

Unha muller intenta secuestrar a súa filla en Vigo coa axuda do ex da vítima

Publicado o 07/02/2020 10:46

A Policía Nacional detivo un home de 37 anos e unha muller de 60, ex-mozo e nai, respectivamente, dunha muller á que ambos, supostamente, introduciron pola forza nunha furgoneta e ameazárona cunha serra cando camiñaba xunto ao instituto de Beade, en Vigo.

Varios particulares alertaron a policía e deron indicacións de que a furgoneta en cuestión se dirixía cara ao campus universitario, á vez que detallaron que unha muller pedía auxilio a través do portelo traseiro.

Ata alí desprazáronse varias patrullas e tras realizar varias batidas un indicativo localizou nunha zona de monte próxima ao parque forestal de Beade un vehículo que coincidía co que estaban a buscar.

Nese momento, unha moza achegouse aos axentes á carreira pedindo axuda mentres a perseguían un home e unha muller, que ao decatarse da presenza policial tentaron volver ao vehículo, pero foron interceptados.

A moza relatou que cando camiñaba polas inmediacións do instituto de Beade apareceron montados nunha furgoneta a súa nai e a súa  expareja e introducírona contra a súa vontade no interior do vehículo, á vez que a ameazaban cunha serra.

Tamén contou que durante o traxecto tentou apearse do vehículo sen éxito, e que a súa nai ameazouna cun martelo, ata que chegaron ao parque forestal, onde a tiraron ao chan e subtraéronlle os seus efectos persoais, mentres a ameazaban con matala.

Nese instante foi cando chegou a dotación policial e a vítima logrou levantarse para tentar fuxir.