CRTVG

Buscar

Unha muller dá a luz tras un parto de urxencia de madrugada no hospital de Verín

Publicado o 12/12/2019 16:10

O Servizo de Xinecoloxía do hospital de Verín atendeu esta madrugada un parto de urxencia nas súas instalacións, aínda que o pequeno foi trasladado ao CHUO pouco despois de nacer. Arredor das 4 da madrugada chegou unha parturiente e o xinecólogo de garda considerou que "non era procedente" o seu traslado ao CHUO, "polo risco que levaba para a muller a posibilidade de parir polo camiño", explicou a Europa Press unha das matronas presentes no momento. 

Por este motivo, decidiuse atender o parto en Verín e, dado que no hospital comarcal a día de hoxe non contan con pediatra de garda, os profesionais solicitaron ao centro de referencia que enviasen un pediatra desde Ourense. Finalmente, o pediatra trasladouse ata Verín e "en canto naceu o bebé levouno en ambulancia para Ourense", sinalou a matrona. 

O pediatra non lles deu ningunha explicación de por que levaba un bebé que "naceu perfectamente, con moi boa vitalidade e sen ningunha xustificación clínica para o traslado", criticou a matrona. É máis, os profesionais do Servizo de Xinecoloxía de Verín aseguraron que lle propuxeron ao pediatra "deixar xuntos a nai e o fillo", seguindo a liña das recomendacións de "todas as guías nacionais e internacionais de calidade de coidados". 

"A pediatra fixo caso omiso e levou o neno", explicou a matrona. A nai foi trasladada a Ourense dúas horas e media porque "as dúas primeiras horas despois do parto hai que observala directamente ante a posibilidade de sangrados e hemorraxias posparto". A matrona sinalou que "non existe ningún tipo de evidencia que avale este tipo comportamentos" que poden producir consecuencias para ambos "no período de lactación, o apego e ao longo da súa vida".

Trátase dunha situación á que, segundo explicou, se chega por "non facer as cousas do modo correcto e unha mala xestión dos recursos". "Sabiamos que estas cousas ían pasar e van seguir pasando e os únicos prexudicados son os pacientes, esa nai e a súa recentemente nado", explicou.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí