CRTVG

Buscar

Documentan o primeiro caso de reinfección por covid−19 coñecido en España

Publicado o 02/12/2020 17:01
Documentan o primeiro caso de reinfección por covid−19 coñecido en España

Unha muller que tras infectarse en abril tivo un segundo episodio de covid−19, máis grave que o primeiro e con outra variante do virus, en setembro, é o primeiro caso coñecido de reinfección en España.

O Servizo de Microbioloxía e Enfermidades Infecciosas do Hospital Gregorio Marañón, en Madrid, describiu esta reinfección por SARS-CoV-2, que xa foi recollida nunha publicación científica, en Research Square.

Segundo informou o centro sanitario, é unha muller que non tiña especiais factores de risco para esta reinfección, que tivo o seu primeiro episodio a principios de abril e que catro meses e medio despois presentou un segundo episodio, claramente de maior gravidade que o primeiro, polo que tivo que ser hospitalizada.

Ata o momento só se comunicaron no mundo 27 casos de reinfección. Os investigadores do Gregorio Marañón, liderados por Darío García de Viedma, describiron o escenario epidemiolóxico completo que rodea unha reinfección: ademais da secuenciación de xenoma completo do virus, levaron a cabo entrevistas epidemiolóxicas exhaustivas dos casos, para, con toda esta información, ordenar a cadea de transmisión que ocorre ao redor da reinfección.

"Por tanto, non só se puido determinar que a variante que reinfectou a paciente corresponde coas que circulaban na súa contorna epidemiolóxica, senón que se describiu, por primeira vez, como a paciente, unha vez reinfectada, provoca unha transmisión posterior na súa contorna próxima", explica o hospital.

Ata o momento non se tiña constancia de que un paciente reinfectado tivese capacidade de transmitir o virus, de feito, así o sinalaba recentemente un documento do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades.

"Con todo, grazas ao estudo dos investigadores do Hospital Gregorio Marañón, púidose demostrar que neste caso a paciente, unha vez reinfectada, transmitiu esa segunda variante da cepa á súa contorna próxima, a casos que non tiveran un episodio de covid−19 previo e que, por tanto, se infectaron como resultado da exposición á paciente reinfectada", agrega.