CRTVG

Buscar

Unha librería de Lugo pide instalar unha terraza

Publicado o 04/09/2020 12:53

En poucos días todo este material escolar vai estar moi demandado, especialmente os libros, polo comezo do curso. As vendas concéntranse en apenas dúas ou tres xornadas e eso pode dar lugar a aglomeracións e colas no exterior das librerías. Por eso, nesta tenda de Lugo solicitaron poder instalar unha especie de terraza no exterior para atender eses pedidos máis urxentes e axilizar o traballo.

"O que propoñemos é habilitar un espazo onde poidamos tomar nota dos pedidos e logo acudir ao interior para recollelos e servilos, evitando así aglomeracións" di a libreira Eva Cancela.

Pero, ademais de facer máis rápido o traballo diario, o obxectivo principal é o de garantir a seguridade sanitaria dos clientes que acudan á librería. Coa terraza, que só se empregaría uns poucos días, garantiríase a distancia social e ademais traballaríase nun espazo aberto e por tanto ventilado. Os clientes do establecemento xa lles transmitiron que estarían dacordo con habilitar unha terraza.

"Os clientes dinnos que sería unha medida moi positiva porque permitiría traballar ao aire libre e nunhas datas de moita afluencia."

Malia que xa solicitaron tres veces a terraza, por agora non recibirion resposta do concello. Agora agardan que máis librerías se sumen a unha petición que, consideran, garantiría aínda máis a seguridade dos clientes.

Noticias web

04/09/2020