CRTVG

Buscar

Unha feira organizada polo Concello de Lugo desata críticas dos veciños polas aglomeracións de xente

Publicado o 23/11/2020 14:58

Son as imaxes gravadas polos veciños das inmediacións do Vello Cárcere, en Lugo. A zona era o escenario da feira do fanzine, organizada polo Concello, e congregou grupos de xente que espertaron a preocupación e as queixas dos veciños.

"Chamoume a atención porque había música, había festa no sentido de que había balbordo e xente, igual máis da que debía de estar", di un veciño.

O evento tiña actuacións musicais, conferencias e mesmo as casetas dun mercado que agora desmontan o que propicou a aglomeración de xente durante todo o día.

"Pasei pola mañá, sobre a unha, e si que había moita xente, non parei, e de feito seguín de fronte. Non me parece ben, creo que deberiamos de ser máis conscientes do que estamos vivindo", sinala unha veciña.

Os veciños cren que se deben controlar mellor este tipo de actos para que todos cumpran as normas e se garanta a seguridade.

"Paréceme mal, se o resto da xente ten que gardar unhas normas, non é normal que uns señores se amontoen aí", critica un veciño.

Dende a Concellería de Cultura defenden a continuidade das actividades culturais e din que se respectaron as normas de seguridade.

"As propias estatísticas e o datos das actividades culturais demostran que son seguras, e máis cando coma este se celebrou ao aire libre e en ningún momento houbo unha masificación maior á que se pode dar nun momento dado á saída dun colexio ou á saída dunha cerimonia relixiosa", sinala Maite Ferreiro, concelleira de Cultura do Concello de Lugo.

Moitos veciños tamén denuncian as aglomeracións nos parques e reclaman un maior control e vixilancia policial.

Noticias web

23/11/2020

Máis sobre Lugo