CRTVG

Buscar

Unha empresa galega denuncia a Amazon por non retirar os electrodomésticos vellos

Publicado o 24/12/2019 13:02

A compañía galega Cenor denuncia a Amazon por competencia desleal. Acusan o xigante das vendas en liña de non cumprir coa obriga de retirar os electrodomésticos vellos. Un aforro que, segundo denuncian, lles permite lanzar ofertas que afunden o comercio de proximidade. 

Cando compramos un electrodoméstico, o distribuidor ten a obriga de retirar o aparato vello e informar o consumidor de que se trata dun servizo gratuíto. Tanto se a compra se fai na tenda como por Internet. 

"Amazon incumpre as dúas cousas, a de recoller o electrodoméstico e a de informar de que se trata dun servizo gratuíto. En caso de insistencia do cliente, o que fan é mandar unha empresa loxística para recollelo, pero non sabemos se é unha empresa homologada nin se garante a trazabilidade que ten que ter o residuo", di Javier González, director xeral de Cenor.

Este servizo de retirada e reciclaxe pode supoñer ata o 10% do prezo do electrodoméstico. Por iso Cenor e a patronal española do sector acusan a Amazon de competencia desleal.

"Cremos que o mercado libre, e así ten que ser. Pero temos que ter as mesmas regras de xogo para todos, se non o que facemos é eliminar o pequeno comercio, as tendas de barrio", din desde Cenor.

Din que se trata dunha loita de David contra Goliat. Pero queren visibilizar ante a sociedade e a administración unha situación que, din, está a ferir de morte moitos comercios de proximidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/12/2019