CRTVG

Buscar

Unha empresa de Vigo distribuirá en España a vacina rusa contra o coronavirus

Publicado o 18/08/2020 18:11

Na carreira por atopar unha cura para a covid-19, Rusia foi o primeiro país do mundo en rexistrar unha vacina contra o virus. Rememorando vellas competicións, bautizárona co nome de Sputnik V. Desenvoulveuna un instituto de investigación público co Ministerio de Defensa e cartos do seu fondo soberano, sen ningunha farmacéutica detrás. Por iso, o Goberno busca como distribuíla fóra das súas fronteiras. En España, encargarase unha empresa con sede en Vigo.

Pedro Mouriño, director de Iberatlantic, explica que Rusia ten necesidade de monetizar, de recuperar parte do esforzo investidor nesta vacina, vendéndollela a terceiros países. Mouriño ve "unha oportunidade de negocio" para unha empresa como a súa, que leva traballando máis de dez anos co mercado ruso.

Polo momento, a vacina estase ensaiando con voluntarios, entre eles, a filla do propio Putin, dixo o presidente. Pero aínda así, xa comezaron a produción para acurtar os prazos.

O responsable da empresa viguesa explica que Rusia ten capacidade para producir cinco millóns de vacinas ao mes.

"Iso non chegaría para atender nun ano o mercado ruso. O que se ten que facer é chegar a terceiros países onde hai unha masa crítica para poder vendela con licenzas de patente e fabricación con produtores locais", dinos Pedro Mouriño.

Antes de comercializarse, esta vacina terá que superar os estritos exames sanitarios que establece tanto España como a Unión Europea.

Noticias web

18/08/2020