Investigan a orixe dos medicamentos que apareceron nunha rúa de Vigo e que varios mozos mesturaron con alcol
• Un rapaz ingresou en coma tras consumir un combinado que puido ser mortal
Investigan a orixe dos medicamentos que apareceron en Vigo a carón dun coletor do lixo. Había máis de 140 caixas de opiáceos, vasodilatadores e anticoagulantes. Puido ocorrer unha desgraza. Un grupo de mozos, todos menores menos un, atopáronos e mesturáronos con alcol. Un deles, quedou tirado na rúa en coma. Os outros, fóra de perigo, foron localizados pola policía.
A Policía Nacional localizou a tempo doce mozos, once deles menores de idade, que esta madrugada ingresaron no hospital tras mesturar con alcol diferentes cantidades de opiáceos, vasodilatadores e anticoagulantes que atoparon nunha rúa de Vigo.
Segundo informou este luns, a policía recibiu unha chamada ás 3:00 de madrugada do servizo de urxencias informando de que un menor ingresara en coma pola inxesta de medicamentos atopados na vía pública.
Segundo relatou o persoal da ambulancia, asistiran e salvaran por pouco un menor que se atopaba tirado na avenida da Florida cunha parada cardiorrespiratoria, ao parecer provocada polo consumo de opiáceos e antidepresivos. Ao parecer, a causa fora o consumo de opiáceos e antidepresivos e a vida do menor fora salvada por unha escasa marxe de tempo.
Os axentes temeron que este mozo non estivese só no momento de consumir as substancias, polo que procederon a interrogalo.
A pesar de estar sedado, o paciente deu o nome de varios amigos aos axentes, e estes, tras consultar a axenda do teléfono móbil do paciente, puideron contactar cun deles, que os informou de que hacía poucas horas mesturaran diversas pastillas e alcol.
Nese momento, os axentes estableceron en coordinación coa sala operativa do 091 e o hospital un dispositivo para localizar con urxencia o resto de menores que inxeriran medicamentos, xa que, segundo o persoal médico, ese tipo de inxesta en que se mesturaban anticoagulantes, vasodilatadores e opiáceos con alcol pode resultar mortal.
Para mellorar o tempo de resposta, os axentes encargados da localización utilizaron as redes sociais que varios deles compartían, á vez que outra dotación se dirixía á praza Eugenio Fadrique, onde un dos menores indicou que atoparan os medicamentos tirados á beira dun contedor.
Deste xeito, os policías interceptaron 140 caixas e trasladáronas ao hospital para que os médicos puidesen determinar que tratamento aplicar aos menores que consumiran o seu contido. Posteriormente, localizáronse 11 menores de entre 14 e 17 anos e a outro maior de idade que consumiran os medicamentos, así como a dous mozos pertencentes ao mesmo grupo que non os inxeriron.