CRTVG

Buscar

Unha campaña anima a usar a friameira nas tendas para reducir plásticos

Publicado o 10/12/2019 20:29

Os galegos só reciclamos o 15 por cento do plástico que producimos. Para loitar contra este problema ambiental, Amigos da Terra puxo en marcha unha nova campaña: usar envases no canto de bolsas de plástico á hora de facer a compra en carnicerías ou peixerías.

"Ía ata a carnicería para facer a cea. Algo de carne. Levo a bolsiña e dentro o táper, porque me resulta moito máis cómodo".

María non é nova nisto. Leva máis dun ano executando unha campaña que Amigos da Terra pretende estender ao maior número posible de consumidores e vendedores: substituír os envases plásticos por friameiras.

Asegura que lle resulta máis cómodo que os envases habituais: "A min resúltame moito máis cómodo. Chego á casa e xa o poño na neveira, e ademais aforro un montón de envases dun só uso, e nótoo un montón na bolsa do lixo".

Nesta carnicería, que se sumou á campaña, xa están afeitos a servir en friameira. Din que todo é cuestión de hábito: "Igual que collemos o hábito das bolsas, de traelas con nós no coche ou ao facer a compra, pois traer as friameiras, para os friames, a carne, o peixe...", explica Juan Carlos Fernández, o carniceiro.

E, de paso, reducimos o consumo de plástico.

Ángel Dorrío, técnico de Amigos da Terra: "En Galicia só se recicla un 15 por cento de todos os plásticos que despois acaban en vertedoiros, incineradoras, ou quedan espallados no monte, nos ríos ou no mar".

Segundo a ONU, se seguimos ao ritmo actual, en 2050 haberá máis plástico ca peixes nos océanos.

Noticias web

10/12/2019