CRTVG

Buscar

Unha cadela dálles de mamar a dous gatiños en Begonte

Publicado o 16/06/2020 14:06

Mila, de sete anos de idade, leva semanas criando a Fifo e a Lolo, dous gatiños que adoptou cando só tiñan un mes de vida. Aínda que a cadela nunca tivo descendencia, dálles de mamar aos cachorros como se fosen os seus propios fillos.

Carmen, dona do gato Fifo: "Maman máis ou menos dúas veces ao día, pola mañá e pola noite. Pareceume bastante raro que mamaran de Mila e que lle saíra leite".

Julia, dona do gato Lolo: "Pois eu non o cría, ata que lle saíu leite ao tocarlle a teta".

Rocío Varela, dona da cadela Mila: "Estes gatiños foron un regalo da avoa para as netas porque estaban na corentena e tamén se aburrían un pouco. Os gatiños eran pequeniños, que viñeron cun mes, e a cadeliña tratounos como se foran os seus propios fillos. Empezoulles a dar a teta. Que comunicación teñen entre eles, non o sei. Eles pensarían que era a súa nai. Mais non foi un abandono, que estiveron ata o día anterior tomando a teta da nai. E aseábaos, limpábaos e lambíaos como se foran as súas propias crías. E dormen xuntos, dálles de mamar e xoga con eles".

Segundo a dona da cadela, que reside na parroquia begontina de Damil, non é a primeira vez que Mila lles dá de mamar a uns gatiños. Noutras dúas ocasións xa criara outros cachorriños da mesma especie. A explicación a este fenómeno é que a compaña das crías fai que a cadela segregue prolactina, unha hormona que estimula as glándulas mamarias para que produzan leite.

Rocío Varela, dona da cadela Mila: "A cadeliña é adoptada. Levamos seis anos vivindo aquí e apareceu aquí abandonada. Adoptámola e ao pouco veu un gatiño pequeno e empzou tamén a darlle de mamar. Esta xa é a terceira vez que o fai. Comenteillo ao veterinario, porque non acababa de crer que puidese estar aleitando, e o veterinario explicoume que era máis habitual do que nos parecía e que realmente si que producía leite, que era unha cuestión da cabeza. Aínda que ela non tivo partos e nunca estivo preñada, é unha cuestión hormonal. O cerebro manda como un aviso e produce leite".

Dado o enorme agarimo que reparte Mila, que foi adoptada, a súa dona anima os que queiran ter un can a que tamén adopten.

Noticias web

16/06/2020