Unha cadea galega vende zapatos por WhatsApp
Unha cadea galega de zapatos vende a través videochamadas de Whatsapp a clientes que temen o contaxio de covid-19. O comprador fala co dependente, dille o que necesita, recibe asesoramento e ve os produtos a través da cámara antes de elixir.
"Ola, bo día, o meu nome é Isabel, en que podo axudarte?
Necesito unhas zapatillas para camiñar, tedes algo que me podas ensinar?"
Funciona desde o luns e está pensada para xente que prefire non ir á tenda a probar zapatos para evitar risco de contaxio ou que quere mercar sen desprazarse pero con asesoramento.
A venda por videochamada de Whatsapp que usa a cadea galega Krack está a medio camiño entre a online e a personalizada, xa que cliente e dependente manteñen unha conversa.
"Nós asesoramos como se estivera fisicamente na tenda. Eles cóntannos o que necesitan e ofrecemos as alternativas e o melllor produto que temos".
"Se están na tenda, poden coller o zapato, ver o que pesa, mirar se é flexible. Nós a través da videocompra temos que explicarlle máis aínda as características que ten o calzado", explica Isabel, encargada das vendas por videochamada.
Se finalmente merca, o cliente pode elixir que lle envíen o produto á casa ou recollelo nalgunha tenda da cadea, creada en Pontevedra no ano 1990 e que actualmente vende en toda España.