CRTVG

Buscar

Unha aldea de Santa Comba leva máis de dez días sen servizo de teléfono e de Internet

Publicado o 30/12/2019 14:43

Na aldea da Illa, en Santa Comba, boa parte dos veciños levan once días incomunicados. Das máis de 60 casas do lugar, só en 5 ou 6 poden usar o teléfono. Os demais levan días sen liña, despois de que un temporal provocara unha avaría o día 19.

A avaría afecta o teléfono e a conexión a Internet, que algúns veciños precisan para traballar. Pero tamén deixa as persoas maiores sen o servizo de teleasistencia. Unha situación de incomunicación que se agrava polo feito de que na zona a cobertura de telefonía móbil é moi deficiente. Se queren facer unha chamada teñen que se desprazar para atopar un punto con cobertura.

Os afectados tentaron poñerse en contacto coas compañías teléfonicas, pero aínda non conseguiron que lles aclarasen cando está previsto que se solucione o problema.

E mentres non amañen a avaría terán que se seguir desprazando na procura da cobertura do teléfono móbil ou botando man dos poucos veciños que si conservan a liña telefónica.

Noticias web

30/12/2019

Máis sobre Santa Comba