CRTVG

Buscar

Unha aldea de Caldas leva un mes illada por estrada

Publicado o 29/01/2020 13:21

Máis dun mes incomunicados é o tempo que levan os veciños de Segade de Abaixo, en Caldas de Reis. O mal tempo desfixo un muro que aguanta a única pista que dá acceso ás súas casas. Son veciños de idade avanzada que teñen medo de que, ante unha urxencia, a ambulancia non chegue a socorrelos. 

E parece que vai para longo porque solucións non teñen á vista. Vivir en Segade de Abaixo non é ter unha vida normal.

"Nin vén o peixeiro, nin o panadeiro, nin ven ninguén. Vén a miña neta lavar o coche ou darme unha visita, tampouco. Chegan aquí, aquí moitas veces non dan volta. Teñen que dar a volta abaixo e veñen cargadas. Eu agora quero coller o butano, que fago? Porque veñen cargados coa botella por aquí e non poden facer nada. E así estamos a pobreza de todo. Se pasa calquera cousa non vén unha ambulancia nin vén nada. Eu teño que ir a leira e teño que ir coa carreta porque no podo levar as cousas en tractor nin en nada. Por iso é o problema, o máis necesario é por se pasa calquera cousa. Estamos esperando a que o fagan, porque para arriba está todo incomunicado. É necesario que o fagan canto antes porque aínda que para arriba non hai moitas casas, aínda que sexa unha persoa soa necesita tamén o servizo".

O muro levaba tempo en malas condicións. Os veciños din que avisaron con antelación suficiente para que o arranxasen, pero aseguran que lles poñen todo tipo de escusas. Uns por outros... e a obra sen facer.

"Iso leva anos, leva anos que xa o muro estaba mal e estivemos reclamando, pero ao parecer habería outras prioridades e ao final sucedeu o que tiña que suceder. Caeu. Estou farta de ir ao concello e sempre me teñen disculpas. Un que lle falta o permiso dun lado, outro de outro, e resulta que non pediron permiso ningún, o permiso está sen pedir porque o acabo de saber. O muro xa se sabía que caía, porque xa fomos alí e dixémoslles que o muro tiña chepa e que ía caer, non fixeron caso ata que agora caeu".

En Segade de Abaixo din que seguirán loitando para ter uns servizos na súa aldea dignos do século XXI.

Noticias web

29/01/2020