CRTVG

Buscar

Un xulgado de Santiago ordena vacinar un ancián que se negou e unha muller a pesar da oposición familiar

Publicado o 20/01/2021 17:30
Un xulgado de Santiago ordena vacinar un ancián que se negou e unha muller a pesar da oposición familiar

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela, especializado en Familia, ordenou en senllos autos vacinar un usuario dunha residencia que se negou a recibir a inmunización así como outra usuaria cuxa titora rexeitou que lle administrasen a vacina.  

En primeiro lugar, nun auto con data deste mesmo mércores, o xulgado ordena a subministración da vacina a un interno en centro de maiores de Santiago de Compostela que se negou a que lle inxectasen a dose.   

O maxistrado considera que o consentimento informado por substitución prestado pola entidade titora Fundación Galega para a Tutela de Adultos debe ser atendido a pesar da negativa do paciente, pois indica que "carece de capacidade natural actual para comprender o alcance da intervención médica pautada".   

Así, no auto sinala que da exploración xudicial do interno na residencia constátase "a total ausencia de capacidade de decisión, en particular en relación á necesidade/conveniencia de que lle sexa administrada a vacina".   

Ademais, noutro auto con data do 19 de xaneiro, o Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago ordena tamén a subministración da vacina contra a covid-19 a unha interna dunha residencia, tamén situada na capital galega, cuxa titora se negou a que lla puxesen.   

Neste caso, o xuíz estima a solicitude do Ministerio fiscal "no exclusivo interese da paciente". Así, sinala que a vacina "evita o risco de contraer a enfermidade e mesmo de morrer", á vez que resalta que "permitirá á paciente, unha vez alcanzada a súa inmunidade, gozar dun maior réxime de estancias e comunicación cos seus familiares e achegados".   

Desta forma, segundo o maxistrado, atenuarase "a grave e continuada separación do círculo máis inmediato que padecen os maiores residentes desde marzo de 2020, con presumible menoscabo do seu benestar emocional".   

Ambos os casos foron comunicados pola dirección da residencia ao Xulgado o pasado día 8 de xaneiro.   

Precisamente, tamén un xulgado da capital galega, neste caso o de Instrución Número 2, ordenou vacinar outra residente do centro DomusVi San Lázaro fronte á negativa da filla a que súa nai recibise a inmunización.

Máis sobre Santiago de Compostela