CRTVG

Buscar

Un xuíz decreta o illamento forzoso dunha muller con covid-19 en Vigo

Publicado o 19/11/2020 15:37

Saben que ás veces a xente se resiste a confinarse na casa, pois fíxense neste caso. Un xulgado de Vigo acaba de decretar o illamento forzoso dunha muller con covid a petición do Sergas.

A muller era contacto estreito dunha persoa contaxiada e, mesmo antes de saber o seu resultado, xa incumprira o confinamento acudindo ao seu centro de saúde para poñer a vacina da gripe.

Despois de dar positivo ela mesma, a administración sanitaria comprobou, a través do seguimento telefónico, que tampouco estaba no seu domicilio.

O auto recoñece que este comportamento é un risco para a saúde pública e sinala que, a falta de vacina, a corentena é a única medida eficaz para previr contaxios. 

O incumprimento da orde xudicial podería comportar unha multa de 3.000 a 120.000 euros.

A decisión do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Vigo confirma a lexislación covid de saúde pública e podería aplicarse a calquera caso de enfermidade infecciosa, pero non parece anticipar a aprobación dunha hipotética norma xeral que obrigase a poboación a vacinarse.

O auto tamén obriga o Concello de Vigo a dar apoio asistencial á muller e o Sergas a facerlle unha PCR cada catro días e a vixiar a saúde da paciente, que é diabética e ten outras patoloxías.

Noticias web

19/11/2020