CRTVG

Buscar

Un xato é a última vítima do lobo no concello de Abadín

Publicado o 07/02/2020 14:41

O animal non chegou a vivir nin 24 horas, posto que foi devorado ao pouco de nacer. Os lobos irromperon neste prado lindeiro coa vivenda dos donos do xato e en poucos minutos deixárono completamente trabado na parte traseira. O resto das vacas, incluída a nai do xato, conseguiron fuxir cara á parte baixa da leira. Malia que os cans ladraron toda a noite, os propietarios non se decataron do acontecido porque non agardaban que os lobos atacaran tan preto das vivendas.

"Cando chegamos, xa estaba todo comido. Non viviu un día. Os cans ladraron toda a noite pero nunca pensamos que puideran vir os lobos tan preto das casas".

"O raposo sempre se achegou ás casas para matar galiñas pero o lobo nunca viñera tan preto. Debeu de cambiar de hábitat".

Os gandeiros de Abadín cualifican o lobo de auténtica praga e din que non hai semana que non maten ou deixen gravemente ferida algunha vaca, ovella ou cabalo. Din que a abundancia de gando combinada co amplo monte que lles serve de acubillo converten esta zona nun criadeiro de lobos. Por iso, demandan solucións inmediatas e aseguran que está en risco a viabilidade das explotacións.

"Antes había troitas, perdices, coellos e lebres. Desapareceron e ninguén fixo nada. Pero o lobo, que non serve para nada, está totalmente protexido. Non se entende".

Este xato, se chegase a criarse, podería alcanzar un valor de 1.200 euros cando fixese dez meses de idade.

Noticias web

07/02/2020