CRTVG

Buscar

Un vídeo amosa como un mísil impacta contra o avión ucraíno, segundo o NYT

Publicado o 09/01/2020 22:51
Un vídeo amosa como un mísil impacta contra o avión ucraíno, segundo o NYT

Un vídeo "verificado" e publicado polo xornal 'The New York Times' parece mostrar un mísil golpeando un avión sobre Parand, preto do aeroporto de Teherán, onde onte, mércores, se estrelou un boeing 737-800 da aerolínea ucraína UIA e faleceron os seus 176 ocupantes. No vídeo apréciase como un obxecto que describe unha traxectoria similar á dun mísil impacta contra o avión e se produce unha explosión. Ao parecer, o piloto do avión puido tentar regresar a Teherán, sen conseguilo, segundo a versión do Times.

O primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, afirmou hoxe en conferencia de prensa que o seu Goberno ten información de que o voo 752 de Ukraine International Airlines (UIA) foi derrubado por "un mísil iraniano". Con todo, Trudeau engadiu que o seu país cre que o suposto derrubamento do avión ucraíno, en que viaxaban 63 cidadáns canadenses, "pode ser non deliberado". 

A conferencia de prensa de Trudeau produciuse pouco despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, declarara que el tiña sospeitas de que o voo 752 de UIA non sufriu un accidente. En voo 752 de UIA, viaxaban, ademais dos 63 canadenses, 82 iranianos, 11 ucraínos (2 pasaxeiros e 9 tripulantes), 10 suecos, 4 afgáns, 3 alemáns e 3 británicos. O Boeing 737-800 con destino a Kiev saíu do aeroporto internacional iraniano Imán Jomeiní na madrugada do mércores e minutos despois do despegamento esnafrouse.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2020