CRTVG

Buscar

Un verinense recupera o proxecto de fabricación de bicicletas de madeira que puxera en marcha o seu fillo falecido

Publicado o 05/02/2020 14:42

Despois de tres anos de parada, Gerardo decidiu seguir adiante co proxecto do seu fillo. Volverá fabricar estas bicicletas de madeira, pezas únicas e artesanais. Están elaboradas con madeira de freixo, teka, cedro e cerdeira. Personalizadas para cada cliente.

Antes de saír ao mercado estudaron o proxecto durante tres anos, conseguiron testar e homologar as súas bicicletas e comercializalas en Alemaña, Luxemburgo, Bélxica, O Reino Unido, Chile ou Arabia Saudita. O seu prezo varía entre os 5.000 e os 12.000 euros.

Gerardo atopou un socio co que reflotar o proxecto do seu fillo e no que el porá o traballo artesanal.

O avó de Gerardo foi o primeiro en fabricar un prototipo destas bicicletas de madeira, con el fixo o camiño de ida e volta entre Verín e Viana do Bolo sen percance ningún. Agora sacarán ata tres modelos diferentes pensando nas necesidades de cada cliente. Producións limitadas, fabricadas con esmero e coidando cada detalle. Un proxecto que ten moito de lembranza e de homenaxe, pero tamén de enxeño e agarimo polo traballo artesanal.

Noticias web

05/02/2020