CRTVG

Buscar

Un veciño de Lugo tivo que fuxir do xabaril na horta da súa propia casa

Publicado o 25/06/2019 13:13

Un veciño de Lugo tivo que fuxir dun xabaril na horta da súa propia casa. O porco bravo perseguiunos a el e ao seu can, que se topara co animal salvaxe. O incidente produciuse nos terreos dunha vivenda que se encontra á beira mesmo do Camiño de Santiago. 

Este veciño da Calzada da Ponte, en Lugo, levou un bo susto. Acababa de soltar o seu can na horta cando sentiu que a mascota se topara con algo estraño. Cando foi ver de que se trataba, resultou ser un xabaril de gran tamaño, polo que ambos tiveron que fuxir ás carreiras cara á casa para evitar que os atacase.

Manuel Pin, topouse cun xabaril na horta da casa: "Abrinlle a porta, fun á horta e o can pasou comigo para dentro. Como estaba a herba alta, non vin nada, pero sentín chiar e xa vin saír un xabaril grande, moito máis grande ca o can, correndo detrás del. Entón eu collín unha barra pero tivemos que marchar os dous, que nos atacaba. Foi un bo susto o que levei eu tamén porque o xabaril viña detrás de nós".

Segundo conta Manuel Pin, este foi o maior encontrón que tivo co porco bravo, pero non foi o único. Sinala que nos arredores da súa vivenda ten visto mandas enteiras de xabarís adultos.

Manuel Pin, topouse cun xabaril na horta da casa: "Polo inverno cheguei a ver ata cinco xabarís. E dende arriba, dende os pisos, viron as crías. Eu as crías nunca as vin, pero catro ou cinco xabarís grandes, si. E o de onte era bastante máis grande ca o can. No inverno, polas tardes era case común ver os xabarís".

A casa onde tivo lugar o incidente co xabaril encóntrase á beira mesmo do Camiño Primitivo.

Noticias web

25/06/2019