CRTVG

Buscar

Un queixo con 52 semanas de curación, a receita da DO San Simón para superar a crise

Publicado o 15/06/2020 21:26

O peche da hostalería e das feiras e mercados trouxo unha parada radical nas vendas de queixo da Denominación de Orixe San Simón da Costa. Os almacéns están cheos de produto sen vender. Para reverter esta situación e buscar novos clientes, os 9 queixeiros da DO van sacar un novo produto ao mercado. Trátase dun queixo con 52 semanas de curación

Dende esta semana xa se poden atopar nalgúns puntos de venda os novos queixos da Denominación de Orixe San Simón da Costa. A forma, cor e peso son os mesmos, pero a elaboración é moi diferente da habitual.

Este novo produto permanece 52 semanas, máis dun ano, nas cámaras para a súa curación cando o habitual é que saian á venda con só 45 días. O novo queixo xorde da necesidade de diversificar a produción para recuperar e gañar novos mercados. O seu sabor tamén será diferente.

"É un queixo máis intenso. Eu digo de pique pequeno. Máis para cociñar que o habitual. Pedíannos máis intensidade, e era o momento para este novo produto."

A restauración, as feiras e mercados municipais, o turismo vencellado ao Camiño de Santiago e a exportación son as principais canles de venda destes queixos vilalbeses.

Se ben a idea de dotalos de máis tempo de curación xa se formulara antes da chegada do coronavirus, agora déronlle un novo pulo apremados pola necesidade de aumentar as vendas canto antes e poder saír dos ERTE que acometeron a meirande parte das queixerías.

"Aquí é todo leite da DO, analizado diariamente e cunhas características aptas para facer queixo. Creo que todos os queixeiros estamos a facer un bo produto."

O novo queixo, que na fase inicial terá unha cantidade limitada, conta co apoio da Consellería do Medio Rural

Noticias web

15/06/2020