CRTVG

Buscar

Un mosso mata a súa ex-parella coa arma regulamentaria en Terrassa

Publicado o 19/01/2020 09:49
Un mosso mata a súa ex-parella coa arma regulamentaria en Terrassa

Un mosso d'escuadra matou, supostamente, a súa ex-parella na localidade barcelonesa de Terrassa. De se confirmaren os datos, converteríase no terceiro asasinato machista deste 2020 en España.

Ocorreu pasadas as 21.30 da noite no aparcadoiro do edificio no que a vítima vivía coa súa nai. Segundo as primeiras pescudas, o mosso d'esquadra matou a súa ex-parella coa arma regulamentaria e logo suicidouse.

"Cando entrou a miña sobriña para deixar o coche, antes de que pechase a porta, el deixou o seu coche mal aparcado, con luces e todo, e meteuse no garaxe. E aí non se sabe o que pasou. Segundo nos dixeron, a miña sobriña topárona no coche cun tiro na cabeza e a el de pé, seica tirouno de pé", relata Ramona, tía da vítima.

A familia denuncia o acoso que sufría a vítima, de 29 anos, dende que rachou a súa relación sentimental co axente. O home non tiña antecedentes xudiciais por maltrato.

"Perseguíaa, acosábaa, chamábaa a todas horas, pola noite, pola mañá... e facía tempo que non estaba con el, dende o verán. O tío acosábaa constantemente, durante a noite, pola mañá, pola tarde... agardábaa en todos os sitios. Seica el persegíuna e xa o tiña mentalizado", asegura Ramona.

"Ela non quería volver con el e onte agardouna aí, cando entrou no aparcamento, seguíuna e matouna. Outro asasino coma é o que hai. E pedimos xustiza! É que non hai máis", engade Juanjo, ex-parella da nai da vítima.

Os Mossos d'Esquadra manifestaron a súa consternación a través das redes e comprometéronse a seguir traballando para erradicar a violencia contra as mulleres. O concello de Terrasa convocou un minuto de silencio en sinal de repulsa. O 016 atende a todas as vítimas de maltrato machista as 24 horas do día. O teléfono non deixa rastro na factura pero hai que borralo do rexistro de chamadas.