Un panadeiro vigués escorrenta un ladrón que o ameazara cunha barra de ferro
A barra de ferro coa que José Joaquín baixa a persiana do seu local foi a que empregou o ladrón para ameazalo. O home entrara no establecemento e o panadeiro xa lle chamara a atención por non gardar a distancia de seguridade. Cando a fila de clientes quedou atendida, o asaltante atopou a súa oportunidade.
Como xa leva varios atracos enriba, este panadeiro conta que optou por buscar algún método de defensa. Asegura que os roubos son frecuentes na rúa Torrecedeira, non só no seu establecemento, polo que reclama máis presenza policial.
A policía nacional xa deu co suposto autor dos feitos. O detido é un home de 25 anos de idade, de nacionalidade española e sen domicilio coñecido, a quen lle constan dez detencións anteriores por casos semellantes.