CRTVG

Buscar

Un 'okupa' intenta queimar a súa parella en Vigo e incendia a vivenda

Publicado o 14/08/2020 13:15

Un incendio nunha vivenda abandonada de Vigo sacou á luz un caso de violencia machista. A rápida actuación dos bombeiros de Vigo evitou que a muller sufrise lesións. O home foi detido pola Policía Local e pasou hoxe a disposición xudicial.

Os feitos ocorreron nun predio da avenida de Castrelos cunha casa abandonada onde adoita pasar a noite unha parella de ocupantes ilegais.

O lugar está moi próximo ao tanatorio de Pereiró, polo que apenas hai vivendas próximas, aínda así algún veciño chegouse a alarmar polo fume, aínda que non sabía de onde proviña.

A rápida actuación dos bombeiros de Vigo evitou que o lume se espallase pola vivenda e que a moza da parella que vive nela quedase ferida.

No testemuño inicial que esta muller prestou á Policía Local de Vigo dixo que o home tentara queimala, e que a arrastrara do pelo, tentara asfixiala, ameazouna de morte e mallou nela.

O home agochábase deitado nas inmediacións e axiña foi detido pola Policía Local. A vítima, de corenta anos, e o suposto agresor prestaban hoxe declaración nos xulgados de Vigo.




 

Noticias web

14/08/2020