CRTVG

Buscar

Un nostálxico recupera o antigo reloxo do Larouco

Publicado o 22/10/2019 21:35

Na era dixital, hai reloxos que seguen precisando corda porque aí radica o seu encanto. O da igrexa do Larouco, en Ourense, levaba 8 anos parado ata que Ernesto, un veciño namorado da súa sonoridade, tomou cartas no asunto.

Os ecos das seis da tarde resoan nos tellados do Larouco. Aquí, as horas do día veñen marcadas polas badaladas do reloxo municipal, instalado na igrexa parroquial para maior visibilidade.

Pero unha avaría silenciouno durante 8 anos. Ata que Evaristo se fixo cargo: "Estiven moitos anos fóra da vila e cada vez que viña e vía o reloxo parado, para min era unha dor enorme".

Foi buscar un reloxeiro a Ourense para que revisase a engrenaxe desta complexa maquinaria que, malia ter máis de sesenta anos, se conserva en perfecto estado: "Subimos e cando chegamos arriba vimos unha varilla tirada no chan. E dixo: xa está!", explica Evaristo.

A avaría, que o concello cifraba daquela nuns trinta mil euros, resolveuse finalmente con menos de 200. E unha boa tarde, o Larouco recuperou a súa banda sonora.

"Cando empezou a tocar o reloxo era unha alegría total na vila", di Evaristo emocionado.

Pero a intervención de Evaristo vai máis alá. El mesmo se encarga de lle dar corda cada día para que siga funcionando. E tamén se ocupa dos axustes: "É que adianta un pouco e eu doulle no péndulo á esquerda".

Gustaríalle, iso, si, que alguén lle botase unha man, para que reloxo nunca volva parar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019