CRTVG

Buscar

Un neno de tres anos queda toda unha mañá no interior do autobús escolar

Publicado o 01/10/2020 14:48

Dentro dunha nave, situada na Nacional Sexta, e no interior dun autobús escolar. Así permaneceu durante toda a mañá un pequeno de 3 anos, sen asistir á clase. E é que ninguén o avisou de que tiña que baixar nesta parada do CEIP Luís Seoane, de Mera, ao que asiste. El quedou no asento, probablemente durmido, e o condutor, crendo que ía só, marchou á nave que a empresa concesionaria do servizo do transporte escolar ten en Bergondo. Horas despois, cando o condutor entrou no mesmo autocar para cubrir a ruta escolar, deuse conta da presenza do cativo.

Uns feitos difíciles de explicar e que, segundo nos manisfestaron responsables do colexio, que non quixeron facer declaracións, os deixou impactados.

Nun comunicado, os membros do claustro e o persoal non docente deste centro expoñen que "a empresa de transportes contratada pola Xunta de Galicia para transportar ao alumnado, esqueceuse de baixar a un neno de Educación Infantil e deixalo no colexio como é habitual". O neno foi levado de volta ás dependencias da empresa e desde o centro aclaran que "non chegou a poñer un pé no recinto escolar polo que se considerou que a familia non o enviase ao colexio".

No seu comunicado, engaden que, tras estes feitos, "a Xefatura Territorial decide obrigar á directora para dimitir, manifestando que perdeu a confianza nela", unha conduta que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, cualifica de "fascista".

O colexio pide que se anule "a dimisión obrigada" da directora

O claustro e o persoal non docente expresa o seu "malestar e repulsa" pola actuación da Xefatura Territorial "de cargar toda a culpa ante a figura da dirección" e defenden que a directora é "unha persoa responsable, traballadora" e unha "infatigable profesional que en todo momento actúa para salvagardar o estado emocional do neno e a súa familia". "Por todo iso, piden que se anule "a dimisión obrigada" da directora e defenden que a súa actuación foi "responsable, activa e impecable".

"As responsabilidades deste feito recaen noutros axentes externos ao centro educativo" e apelan a que a resolución do caso sexa entre a administración e a empresa contratada e non forme parte "dun xuízo popular no que se incite a cortar cabezas dunha forma pouco ortoxoa e sensacionalista".

O alcalde de Oleiros responsabiliza o persoal da Xunta

Pola súa banda, o rexedor de Oleiros admite que se trata dun "gravísimo acontecemento" o sucedido co menor no servizo de transporte escolar, pero tamén que a directora fose "obrigada a dimitir". Ademais de cualificala como unha directora "exemplar", insta a loitar "para que siga no seu cargo". "Se mañá mantense o cesamento, faremos unha convocatoria a todo o pobo de Oleiros para mobilizarnos e protestar".

"A responsabilidade do grave suceso ocorrido co menor", do que explica que quedou no bus durante toda a mañá, "é da compañía de transportes e da persoa que realiza as tarefas de acompañamento e o coidado no autobús, contratados pola Xunta". "É a Xunta a responsable destes feitos tan graves e intolerables, non a directora do centro".

Noticias web

01/10/2020