CRTVG

Buscar

Un museo exhibirá os enxeños do Da Vinci da Peroxa

Publicado o 09/12/2019 19:56

Un torno de dentista fabricado coa roda dunha bicicleta, ou unha máquina de mallar completamente artesanal son algúns dos enxeños dun veciño da Peroxa que alá polos mediados do século XX lles fixo a vida máis fácil aos habitantes da entón remota Ribeira Sacra. Agora, os seus veciños e descendentes queren renderlle homenaxe cun museo á medida do Da Vinci da Peroxa.

Nunha época en que a malla se facía a golpe de mallo na eira, Manuel Fernández Fernández, o da Vinci da Peroxa, inventou isto. Un aparello para mallar, de madeira e tirado por vacas, anticipo das malladoras a motor que se habían fabricar no futuro.

Conchita Rey, neta de Manuel: "Evitaba o traballo de primeiro mallar e despois sacudir e limpar o gran. Ela facía todo e seleccionaba, o que ía triturado dunha maneira, o que era enteiro doutra, o que ía máis limpo doutra...".

Conchita lembra o seu avó sempre fedellando. Unha mente inquieta, privilexiada e autodidacta, da que constantemente emanaban novos inventos para facilitar as tarefas cotiás.

Conchita Rey, neta de Manuel: "Cando o resto dos outros nenos tiñan avós que facían tarefas labregas, o meu estaba na forxa inventando cousas".

Dentista de profesión, dotouse de múltiples utensilios anticipo dunha clínica moderna. Desde un torno eléctrico a pedal, feito coa roda dunha bici, a estoutro aínda máis complexo.

Manuel Seoane, alcalde da Peroxa: "Cun montón de pezas de diferentes categorías el, co seu enxeño, foi capaz de montar un torno que funcionaba á perfección".

Unha vez restaurados, o concello exhibirá estes e outros moitos artefactos de Manuel, coñecido na zona como o Lebre das Casarizas, nunha sala museo que prevén inagurar o videiro ano.

Noticias web

09/12/2019