Rubén cumprirá o soño de ser piloto coa primeira man biónica de España
Nacer sen os dedos da man esquerda, por un problema conxénito, nunca supuxo para Rubén unha eiva insalvable.
Agora que ten a madurez e o coñecemento suficientes, el mesmo buscou como obter unha man artificial. Recorreu a empresas de Escocia e Islandia ata que deu co prototipo que precisaba. O deseño final realizouno un técnico ortopeda de Ourense. Estreouna en xuño. A man biónica adáptase perfectamente ao seu tipo de amputación. Conta con baterías de ata doce horas de autonomía.
A súa paixón pola aviación e a afección á electrónica impulsaron a loita por conseguir a man biónica. Con ela instalou o seu propio simulador de voo, para que chegado o día, teña práctica abondo para acceder á profesión de piloto.
Goza da súa nova man, pero non queda aí o seu empeño. Gústalle compartir as súas inquedanzas, así que creou unha web especializada en próteses e amputacións. Fáltanlle dedos, iso ten solución, o que lle sobra a este rapaz é cerebro.